Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Lousame abre o prazo de preinscrición no programa Lousame Concilia, que atende aos nenos/as antes das clases no CPI Cernadas de Castro


As solicitudes deberán presentarse nos Servizos Sociais do Concello do 9 ao 13 de xullo

O Concello de Lousame abrirá hoxe venres 9 de xullo o prazo de preinscrición no programa “Lousame Concilia”, un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro durante o curso 2021/2022. O servizo empezará a prestarse dende o 9 de setembro, en horario de 7:45 a 9:00 horas.

O prazo de preinscrición estará aberto ata o próximo 13 de xullo no Departamento de Servizos Sociais de Lousame, en horario de 08:30 a 14:30 horas. Os impresos poden recollerse nos Servizos Sociais de Lousame ou descargarse directamente da web municipal (www.concellodelousame.gal).

Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia. O Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos en datas concretas durante o curso escolar. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.